Wednesday 24 de April de 2024

O concello habilitará dúas zonas de estacionamento de autocaravanas nas localidades de Riveira e Aguiño


Este luns someterase a pleno a aprobación dunha ordenanza reguladora do estacionamento e uso de servizos

O pleno do Concello de Riveira vai abordar o vindeiro luns a aprobación dunha nova ordenanza destinada a regular o uso e disfrute de dúas zonas delimitadas para o estacionamento de autocaravanas en vías urbanas do municipio. Unha delas estará situada na cidade de Riveira, no entorno do parque de Pedra Pateira; e a outra en Aguiño, na rúa Castelao.

O Concello solicitou unha subvención á Deputación para sufragar parte dos traballos de adecuación dos espazos públicos necesarios, valorados en 10.343 euros.

A devandita ordenanza afronta distintos asuntos vinculados con esta temática, como a tipoloxía de vehículos que poden hacer uso destas áreas (autocaravanas e campers, estando excluídos camións, turismos, caravanas e outros) ou o período máximo de estancia: 72 horas contados dende o momento da parada.

Os usuarios disporán dun espazo destinado á evacuación das augas grises negras producidas polas autocaravanas, así como unha toma de auga potable, denominada “borne de servizos”.

O texto regulador tamén distingue entre estacionamento e acampada libre, prohibindo nas zonas de estacionamento que fóra do espazo propio da autocaravana se dispoña calquera tipo de útil ou enser destinado ao esparcemento.

Tamén se especifican as infracións e posibles sancións, que oscilan entre os 90 e os 350 euros de multa.

En Pedra Pateira disporase dun espazo de 110 metros cadrados, no cal se distribuirán tres prazas para aparcamento temporal e unha cuarta de uso temporal para acceso a servizos.

En rúa Castelao contará con dous prazas de aparcamento e unha para servizos, nun espazo de 65 metros cadrados.